Thursday 16 de May de 2024

A Xunta de Goberno outorga as subvencións municipais culturais, deportivas e educativas


Serán repartidos 132.450 euros entre 36 beneficiarios.

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe foron adxudicadas as subvencións municipais da convocatoria dirixida ás asociacións culturais, clubs deportivos, centros de ensino e Anpas para o desenvolvemento de actividades de interese xeral, así como aos deportistas locais máis destacados.

35 entidades e unha deportista individual -a totalidade das que presentaron solicitude- serán os beneficiarios desta liña de axudas e repartiranse 132.450 euros. O acordo foi tomado a proposta da Comisión de Valoración, encargada de analizar as solicitudes presentadas e de establecer a contía das axudas en base aos diferentes criterios estipulados na convocatoria. Valorouse a actividade permanente de cada beneficiario, número de eventos organizados, volume de persoas participantes e, no caso dos clubs deportivos, a existencia de categorías inferiores e a cifra de fichas federativas, entre outras pautas.
No apartado de deportistas individuais tivéronse en conta os resultados en competicións dos diferentes ámbitos xeográficos. Neste caso a convocatoria foi dirixida a aqueles deportistas que non realizaron a súa actividade como parte dun club, asociación ou entidade beneficiaria desta mesma liña de axudas.

Este importante esforzo económico soamente é unha parte da colaboración do Concello con estes clubs e asociacións, aos que tamén se presta un continuo apoio organizativo para o desenvolvemento das súas actividades, cedendo ademais, en moitos casos, instalacións de titularidade municipal de xeito gratuíto.